Valdeorras amplía as Xornadas de Portas Abertas ao público de Lugo cidade con transporte de balde
O punto de partida será a Estación de Autobuses,o domingo 29, ás 10 da mañá
A V edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia, que organiza a Axencia de Turismo de Galicia celebrase na comarca de Valdeorras os días 28 e 29 de maio. 8 adegas, dous aloxamentos, dous restaurantes e unha empresa de turismo activo pertencentes á Ruta do Viño valdeorresa participan nestas xornadas nas que a base son as visitas gratuítasás adegas, prezos especiais nos aloxamentos e menús preparados para esta actividade. A todo isto engadíuselle o transporte tamén de balde para poder visitar as adegas durante a fin de semana. Este ano haberá 4 minibuses na ruta do sábado e cada un deles visitará dúas das oito adegas dispoñibles. O domingo, como novidade, o transporte de balde partirá das cidades de Ponferrada e Lugo para atraer visitantes desas dúas localidades ás adegas e restaurantes participantes.
Domingo 29 : Autobús gratuíto dende Lugo
O domingo, como novidade este ano, o transporte gratuíto tamén partirá dende as cidades de Ponferrada e Lugo para atraer visitantes destas dúas localidades. Os visitantes de Lugo terán como punto de recollida a Estación de Autobuses ás 10 da mañá. As adegas que visitarán será O Cepado en Rubiá e A Coroa en A Rúa. En cada unha delas ofrecerán un pincho e un viño a cada visitante tamén de forma gratuíta. Ao mediodía os participantes na visita poderán escoller para comer os menús especiais de Portas Abertas que ofrecen os tres restaurantes da Ruta (Piquiño, Pazo do Castro e Mesón Museo) e para os que terán que realizar reserva. A volta farase ao redor das 5 da tarde con parada no punto inicial de recollida.
No caso da cidade de Ponferrada, partirán ás 11 da mañá da Praza Fernando Miranda. Visitarán as adegas Roandi no Barco e Joaquín Rebolledo en A Rúa. A comida poderán facela nos mesmos restaurantes da Ruta se o desexan e previa reserva.
As reservas das prazas nos autobuses gratuítos poden facerse chamando ao 619086326 ou enviando un correo a valdeorrasesvino@gmail.com.
· Transporte gratuíto para visitar as adegas o sábado 28 dentro da comarca
A actividade principal, que se prolongará durante toda a fin de semana, será a visita de balde ás 8 adegas da Ruta deste ano. Os adegueiros abrirán as súas portas e ofrecerán pinchos e un viño por persoa sen cobrar nada aos visitantes. Este ano haberá 4 minibuses na ruta do sábado e cada un deles visitará dúas das oito adegas dispoñibles en horario de mañá e tarde. Os visitantes tamén terán a oportunidade de coñecer as adegas desprazándose pola súa conta a calquera delas dentro dos horarios marcados ás 11:30 horas, 13 horas e 18 horas. E o domingo abrirán para visitas ás 12 horas.
· III Festa portas abertas no Barco o día 28 de maio
O programa deste ano mantén a festa de portas abertas que se celebrará de 19:30 a 21:30 horas no Paseo do Malecón do Barco. Alí os visitantes poderán degustar os viños das adegas a un prezo especial de 1´5 €/copa mentres escoitan a música do grupo valdeorrés Los Iñigos e degustan pinchoselaborados polos restaurantes da Ruta, tamén a 1´50 € cada un. Esta festa conta coa colaboración do Concello do Barco para a súa organización igual que nos anos anteriores.
Por outra parte, este ano outra das novidades son as rutas con prezo especial que ofrece unha empresa de turismo activo na zona do Bolo durante toda a fin de semana.
· Participantes nas Xornadas de Portas Abertas Valdeorras
Adegas:Joaquín Rebolledo, A Coroa, Alan de Val, Godeval, Roandi, Virxe de Galir, O Cepado e O Casal
Establecementos hostaleiros:Mesón Museo, Pazo do Castro, Piquiño , Casa Rural Pacio do Sil
Empresa turismo activo: Celavente Multiaventura
O programa completo poden atopalo no blog: somosvaldeorras.blogspot.com
CALQUERA DÚBIDA OU ENTREVISTA PODE CHAMAR A: 619086326 (Soledad Figueroa).
Ou Mercedes González, sumiller que acompañará no desprazamento 689292675